Monday 08 de July de 2024

Feijóo anuncia un Plan de dotación de infraestruturas educativas que creará preto de 5.000 postos escolares en colexios, institutos e centros de FP


Este plan está dotado cun investimento de 120 millóns de euros ata 2020
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe un investimento de 120 millóns de euros ata 2020 en infraestruturas educativas, que permitirá crear preto de 5.000 postos escolares nos nosos colexios, institutos e centros de FP públicos. Estes fondos, tal e como lembrou Feijóo, complementan aos máis de 18 millóns de euros que se destinaron ao Plan de mellora de infraestruturas en 2015.

“A mellora do estado das contas públicas tamén ten o seu reflexo no eido da educación pública”, indicou o presidente. Deste xeito, mentres que durante os anos da recesión os esforzos da Xunta se centraron en mellorar a formación con iniciativas como o proxecto Abalar, os contratos programa ou o impulso á Formación Profesional; o Goberno autonómico aproveita a recuperación orzamentaria, froito dunhas contas saneadas, para mellorar as infraestruturas e os equipamentos dos centros educativos.

O Plan de dotación de infraestruturas educativas comprende accións agrupadas en seis eixos. En primeiro lugar, adicamos máis de 38 millóns de euros a construír novos centros e ampliar os existentes, 18 actuacións en total. Feijóo citou como exemplos os novos CEIP de Mesoiro, Culleredo ou o Sagrado Corazón de Lugo, o novo IES de Soutomaior e as ampliacións do CEIP Castelao de Vigo-Navia, do IES María Sarmiento de Viveiro e do IES de Teis, entre outros.

En segundo lugar, cada ano se levarán a cabo actuacións en materia de eficiencia enerxética e aforro de enerxía en dez centros de ensino, obras orientadas a melloras na calefacción, nas carpinterías metálicas ou na iluminación. Dispoñen dun orzamento de máis de 9 millóns de euros. En terceiro lugar, as obras de reforma, ampliación e mellora contan cun orzamento de 30 millóns de euros.

O cuarto e quinto eixos refírense, respectivamente, á compra de equipamento para os centros de FP (3,5 millóns de euros) e para centros de infantil, primaria e secundaria, incluído o mobiliario dos novos centros que se constrúan (13 millóns). Por último, 24,7 millóns de euros van orientados á mellora funcional, integración e sinaléctica, un epígrafe baixo o que se agrupan as melloras nos aseos, na instalación eléctrica, na accesibilidade e a instalación de novos ascensores, ademais do desenvolvemento dunha imaxe corporativa única para os centros educativos.